David Corral Díaz
Data de Nacemento: Febreiro de 1938
Lugar de Nacemento: Trobo, Begonte (Lugo)
Criouse e medrou dentro dunha familia labrega e aprendeu cousas na escola da parroquia cabo dos pícaros e pícaras do seu tempo. Aprendeu na convivencia dos veciños modos, usos e costumes da cultura aldeá que aínda hoxe trata de conservar. O mundo daquela era Trobo, pero moitas veces subía ao curuto da Pena, contemplaba toda a Terra Chá e decatábase de que o mundo era máis grande. Sendo o máis novo de catro irmáns, no reparto de tarefas da familia tocáballe case sempre coidar das vacas (ás veces descoidalas con prexuízo dos froitos das leiras e con menoscabo do propio prestixio se as queixas chegaban ao domicilio) Sexa como for este nobre oficio de pastor tiña para el outras ocupacións impagables: andar aos niños, aganchar ás árbores, conducir augas ou represalas en incipiente enxeñería, inventar ou reproducir enredos varios, e cando non guiar coches imaxinarios ou montar en bicicleta dacabalo dunha chanta.A ximnasia corría pola nosa conta, saltar paredes e balados, saltos de altura, de lonxitude... Aos catorce anos ingresou no Seminario de Mondoñedo exercendo a continuación outro pastoreo superior uns cantos anos. Despois estudou para mestre na Coruña exercendo de escolante nalgúns colexios públicos da provincia, os vinte e dous últimos no colexio do Feal en Narón. Durante eses anos formou parte do grupo Avantar de renovación pedagóxica elaborando materiais para o ensino e como tal prepararon en 1982 os primeiros libros para o ensino do galego na 2ª etapa da E.X.B. titulado “O Noso Galego”, e máis tarde, en 1988, “Canles”, edición revisada e actualizada da anterior, unha vez que acordaron no Parlamento que había que aprender galego tamén na escola. Para mellorar a capacitación da nobre arte de ensinar fixo na UNED algúns estudos de Psicoloxía, Pedagoxía e Lingua sen títulos nin máster.
Obras realizadas
Chegado o tempo da xubilación deulle por escribir a historia da súa parroquia, “Trobo, Terra e Xente” (Kadmos. Salamanca 2008). Estudo narrativo - descritivo, histórico, económico, cultural etc, tratando de resaltar os valores da parroquia rural galega e de facer medrar a autoestima dos que naceron ou viven nese espazo cultural, descubrindo e investigando cousas que non sabiamos e que era conveniente coñecelas para saber de onde viñamos e como se foi configurando a nosa personalidade de trobanenses. O libro foi editado como publicación privada coa finalidade de que houbera un exemplar en cada casa, o mesmo coas seguintes publicacións, aínda que estes libros pódense consultar nas principais bibliotecas: Universidade, Vilalba, Lugo, Mondoñedo... (O autor aínda dispón dalgúns exemplares).
“Sindicatos Agrícolas Católicos 1918 – 1942”, Sindicato Agrícola de Gaibor (Litonor, Santiago de Compostela, 2012) é un estudo deste período en que a Igrexa por medio de algúns cregos e laicos comprometidos desenvolveron un intenso labor de apostolado social no campo impulsando cooperativas de signo católico co fin de renovar e mellorar a situación de vida dos campesiños mediante a asociación.
“Freguesía e Couto de Gaibor” (Tórculo. Santiago de Compostela 2014) É un estudo similar ao primeiro sobre unha parroquia rural galega onde se destaca a condición de Couto no Antigo Réxime pola influencia que tivo no dominio da propiedade. Complétase o estudo cun achegamento ás características da parroquia rural galega e aos pasos principais da cristianización de Galicia en xeral.
“Freguesía de Xoibán” (Tórculo,2017) “Villa Ioviani, Vilaxoán. Xoibán, parroquia sempre unida a Trobo, con un mesmo arquivo parroquial que xa me resultaba coñecido. Ademais tiña grande interese en dar a coñecer un feito histórico que se deu nas terras de Xoibán a comezos do século XVI, conflito por competencia de xurisdición entre a Audiencia de Galicia e o conde de Vilalba D. Fernando de Andrade; relacionado con este acontecemento damos conta dunha lenda que aínda perdura na memoria dalgunhas persoas.
Testamento de D. Miguel Caetano Romero, párroco de Serantes, ano 1803, a favor do Hospital de Caridade de Ferrol e varios legados en parroquias para a instrución de nenos en primeiras letras. Titulo dun artigo publicado no nº 30 de Estudios Mindonienses polo interese dos legados que deixou nas parroquias onde el tiña propiedades,entre elas Trobo, para axuda dun mestre que aprenda aos nenos a ler escribir e contar. No concello de Begonte existe a documentación da Fundación Romero.
Outros datos de interese
Sendo estudante conseguiu o primeiro premio dous anos consecutivos no concurso convocado polo Instituto de Mondoñedo. O primeiro sobre Mondoñedo en la pluma de Cunqueiro.
O segundo sobre unha frase de Cervantes no capítulo X da segunda parte do Quixote 'La verdad adelgaza y no quiebra y siempre anda sobre la mentira como el aceite sobre el agua'.
Recibiu tamén un premio por un traballo de exaltación do Santuario dos Remedios de Mondoñedo.