Fiz Vergara Vilariño
Categoría: Poeta
Data de Nacemento: 15 de abril de 1953 (†18 de xullo de 1997)
Lugar de Nacemento: Santalla de Lóuzara, Samos (Lugo)
Afectado por unha grave doenza, estudou o Bacharelato en Lugo para de seguida volver á súa aldea natal, onde residiu na casa paterna e se dedicou unicamente á literatura. Mais a pesar da súa invalidez non estivo recluído e foron frecuentes as súas saídas na amorosa compañía dos seus pais ou da súa irmá Irene, que con frecuencia lle serviu de rapsodo para os seus poemas, moitas veces premiados e de cotío presentes en recitais.
Obras realizadas
O seu primeiro libro, prologado por Xesús Alonso Montero, foi Pra vós (1971). Logo saíron Encontro cos tiburós (1973), Orfo de ti en terra adentro (1976), Poeta muiñeiro á deriva (1983), Nos eidos da bremanza (1990, Premio Galicia da Crítica) e Pastora de sorrisos (1993).
Na poesía de Fiz Vergara hai que distinguir dúas etapas, articuladas ó redor do libro "Orfo de ti en terra adentro". Na primeira, Vergara é un poeta inmaturo, cheo iso si de forza, pero bastante inexperto na técnica literaria, de xeito que moitos dos seus poemas quedan falidos. Pero xa "Poeta muiñeiro á deriva" mostra claramente o que se podía esperar del, o cal queda perfectamente confirmado nese grande, fermoso, terrible libro que é "Nos eidos da bremanza". A poesía de Fiz Vergara é áspera e docísima, xentil e arrepiante, e nela brillan as palabras máis gastadas coma se acabasen de ser inventadas para a ocasión. Con razón se ten afirmado que Fiz Vergara Vilariño foi un dos mellores poetas do que se deu en chamar, indebidamente ó noso xuízo porque en realidade non hai tal, o grupo dos novísimos. Fiz Vergara Vilariño morreu en Lóuzara o 18 de xullo de 1997.
Outros datos de interese
Fiz Vergara foi galardoado co Premio Chao Ledo en tres ocasións, co Meigas e Trasgos en sete ocasións, co Begonte en dez ocasións e co Premio da Crítica.