O Museo do Belén
Hai anos demos en facer un modesto MUSEO DO BELÉN, situado nunha sala inmediata ao Belén Electrónico, na planta baixa do Centro Cultural José Domínguez Guizán. Ben sabemos que chamarlle Museo é usar palabra altisonante, pero é a nosa memoria viva, e dalgún xeito cumpre o papel de Museo para recordar os pasos que fomos dando ata chegar a este momento.
O Belén naceu en decembro de 1972, cunha pequena instalación da que dan idea as imaxes que conservamos; entre elas a de Monseñor Arauxo, Bispo de Mondoñedo-Ferrol no momento de bendecilo. E desde entón, non deixou de medrar. O equipo creador e de montaxe do Belén, sempre capitaneado por Varela ata o seu pasamento en 2010, dispoñía a colocación das diversas figuras e conxuntos, creaba novos elementos, confeccionaba casas ou palleiras, construía elemento a elemento un Belén que evoluía no accesorio mantendo o esencial de espíritu, de ambiente, de mensaxe.
E algúns elementos fóronse renovando, substituíndo figuras,mellorando artiluxios… e nada se desbotou, conservamos todo. Así, cando o Belén levaba máis de tres décadas de vida, demos en montar unha instalación con aquelas partes do Belén que deixaran de estar en activo, para que servisen de memoria do camiño que se estaba a percorrer. E nesta instalación pode verse a máquina que controlaba os movementos do Belén nosprimeiros anos, casas construídas con infinita paciencia pedriña a pedriña, figuras, conxuntos… todo o que foi parte viva do Belén e deixou de selo porque outras pezas as substituíron pero merecen a nosa lembranza e a visita de quen queira coñecer como foi medrando o Belén Electrónico de Begonte.