Xosé Antón López Dobao
Categoría: Filólogo e escritor
Data de Nacemento: En 1963
Lugar de Nacemento: Lugo
Licenciado en Filoloxía Galega, Xosé Antón López Dobao é asesor lingüista da TVG, así como director e guionista de ficción audiovisual.
Obras realizadas
POESÍA: Desde o teito da noite (Ed. Xerais, 1987), Caderno dos dereitos e das horas (Deputación de Pontevedra, 1994. Accésit do Premio Miguel González Garcés, 1994), O tempo entre murallas (Ed. Xerais, 1997), Contraantoloxía de textos exiliados (eDixital, 2002. Edición dixital na Biblioteca Virtual Galega da Universidade da Coruña, http://bvg.udc.es/ficha_obra.jsp?id=codeteex&alias=X.+Ant%F3n+L.+Dobado), no prelo de Edicións Xerais de Galicia o poemario titulado Materia, presencia nas antoloxías poéticas Río de Son e vento (César Morán; Ed. Xerais, 1999) e Para saír do século (Luciano Rodríguez e Teresa Seara; Ed. Xerais, 1997), quince poemas no libro colectivo das Redes Escarlata Xuro que nunca volverei pasar fame.
NARRATIVA: ten dous contos publicados, un titulado O home do gabán, na revista ‘Dorna’ (Nº 8, 1985) e Tren de noite, publicado no volume colectivo Liñas para lelas (Grándola Nova Edicións e Produccións Audiovisuais, 1998). Neste momento prepara un volume de relatos.
ENSAIO: publicou ensaios de temática filolóxica, sobre todo no ámbito da sociolingüística e sociopolíticos na revista ‘A Trabe de Ouro’.
TRADUCCIÓNS: publicou traduccións literarias de George Orwell: A granxa dos animais (Animal Farm), Antoni Marí: O vaso de prata (El vas de plata), J. D. Salinger: Nove Contos (Nine Stories), Carles Bellsolà: Ferros e Ameixas (Ferros i prunes), poesía e Paul Auster: Mr. Vertigo.
AUDIOVISUAL: é o director da serie para a TVG titulada Un Mundo de Historias http://www.culturagalega.org/cine/0302/cinevision19.htm), unha serie de continuidade baseada en relatos da literatura galega. A serie é de producción da TVG e consta de sete episodios, xa emitidos. Nesa serie, tamén é coordinador de guións e autor dos guións, coas correspondentes adaptacións literarias, de dous episodios: “O Retrato” (baseado no conto de Castelao, do mesmo título) e “Licor-café” (baseado no conto homónimo de X.L. Méndez Ferrín). Neste momento está en preparación un segundo proxecto que camiña na mesma liña.
Outros datos de interese
É membro do comité de redacción da revista ‘A Trabe de Ouro’, membro do consello de redacción da revista ‘Cadernos de Lingua’ e coordinador de ‘Suxeito Activo’, revista electrónica de pensamento das ‘Redes Escarlata’. Publicou artigos en varios medios da prensa galega. Nestes momentos, colabora con ‘Vieiros’ (www.vieiros.com), nas páxinas de opinión, cunha sección titulada ‘República da Multitude’.