As obras do XXXV CERTAME GALEGO DE ARTE, na Casa da Cultura de Begonte
01/14/2025
As 14 obras que concorriron ao XXXV CERTAME GALEGO DE ARTE, convocado polo Centro cultural impulsor do Belén de Begonte, están xa en Begonte, podendo ser visitadas na Casa municipal de Cultura.
A Mostra permanecerá aberta ata finais do presente mes, sendo entregados os premios o sábado, 1 de febreiro, dentro dos actos de clausura de “O NADAL EN BEGONTE”.
Gañador desta edición do Certame de Arte que leva o nome do fundador do Belén, José Domínguez Guizán, foi Eduardo Pérez Baamonde, natural de Vilalba, residente en Cambados, pola súa obra “Sistouza”, que recibirá 2.000€ e trofeo.
Cadansúa Mención de Honra concedeuse a Manuel Carballeira Rivas, natural de Cospeito e residente eb Valdoviño, pola súa obra ‘Río dourado’, e a Miguel Torre, do Incio, por ‘Brisa del Cantábrico’. Asimesmo, o Xurado concedeu Mención especial á obra ‘Vista de la Rinconada y la Catedral’ do lucense José Luis Mendaña ‘Cubi’.
O Xurado do Certame estivo formado pola directora da Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; a concelleira de Cultura do Concello de Begonte e membro da directiva do Belén, Sonia Varela; e o artista Gonzalo Sánchez Folgueira ‘Zalo”.