En Begonte vaise crear O XARDÍN DO BELÉN
03/14/2025
Participarán o CEIP VIRXE DO CORPIÑO, CONCELLO DE BEGONTE e o BELÉN, e estará dirixido polo profesor ANTONIO RIGUEIRO RODRÍGUEZ da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC.
O Profesor Antonio Rigueiro Rodriguez, Dr. Enxeñeiro de Montes, Catedrático Emérito da U.S.C., foi premiado no Certame de Xornalismo de Begonte polo traballo “BEGONTE DO BELÉN E OS ENFEITES VEXETAIS DO NADAL” publicado no xornal El Progreso.
No traballo premiado, e en posterior conversa coas xentes do Belén, aconsellou mellorar a ornamentacion vexetal desta instalación evitando especies non autóctonas de Galicia (buxo, ciprés de Lawson ou tuya) e utilizando especies que medran nos nosos montes: acivro ou xardo; xarda, xibarba ou rascacú; érbedo ou morodeiro, e loureiro común.
Na conversa co profesor, no Centro impulsor do Belén chegouse á conclusión de que sería moi boa iniciativa (en beneficio do Belén, da natureza e da formación dos rapaces begonteses) crear en Begonte O XARDÍN DO BELÉN no que plantar e coidar especies como ACIVRO FEMIA, LOUREIRO, ÉRBEDO e XARDA FEMIA, para dispor destas plantas sen prexudicar as súas poboacións naturais, acompañadas de outras árbores caducifolias da Terra Chá, como carballos, salgueiros, cerqueiros, castiñeiros ou bidueiros, cuxas poliñas, con follas secas ou sen follas, poden tamén ornamentar o Belén, achegando a súa fisonomía á paisaxe da contorna.
Ao efecto, vense de celebrar unha reunión no CEIP de Begonte, na que tomaron parte o profesor Antonio Rigueiro; José Ulla, Alcalde de Begonte; Eliseo Real, Director do Centro, e Xulio Xiz, Presidente do Belén.
Acordouse levar adiante esta acción, creando O XARDÍN DO BELÉN DE BEGONTE, para o que o Concello aportará un terreo inmediato ao Colexio, Polideportivo e futura Escola infantil, realizará os traballos de preparación e delimitación, e facilitará as árbores e plantas que se precisen.
Por parte do CEIP de Begonte, un grupo de alumnos e alumnas, co impulso e control do profesorado e dirección do centro, coidarán o seu Xardín e colaborarán no enfeite vexetal do Belén e do seu Museo. O profesor Rigueiro dirixirá e asesorará esta acción, comenzando pola selección das árbores a plantar, aproveitando este tempo co fin de que o Xardín poida xa aportar material axeitado para a pròxima edición do Belén.