Extraordinaria afluencia de visitantes ao Belén de Begonte
01/07/2025
Este tempo de Nadal orixinou unha extraordinaria afluencia de visitantes ao Belén de Begonte, estimándose que ao final do tempo de apertura as cifras van ser maiores ca calquera ano anterior.
Nos festivos e fins de semana a afluencia foi continua, especialmente polas tardes. Se habitualmente se estima que as visitas son arredor de corenta mil cada ano, ao día do remate de 2024 tiñamos superado as 25.000, sen longas colas pero con afluencia continua, obrigando a ampliar os tempos de apertura do Belén ata despois das oito do serán.
As razóns desta extraordinaria afluencia están, segundo percibimos dos visitantes, na difusión na prensa escrita e medios audiovisuais, as novas figuras do Belén e a banda sonora que acompaña as sesións, comentando o nacemento e a historia desta instalación que fai que a este pobo se lle coñeza como Begonte do Belén.