Eduardo Pérez Baamonde, premio do Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán
12/27/2024
Tivo lugar na Delegación territorial da Xunta de Galicia en Lugo a inauguración da exposición das obras presentadas á XXXV edición do Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán, convocada polo Centro do mesmo nome, impulsor do Belén de Begonte, dentro da campaña ‘O Nadal en Begonte’.
Con este motivo reuniuse o Xurado do Certame, formado pola directora da Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; a concelleira de Cultura do Concello de Begonte e membro da directiva do Belén, Sonia Varela; e o artista Gonzalo Sánchez Folgueira ‘Zalo’, que decidiu outorgar o primeiro premio -dotado con 2.000 euros e trofeo- á obra ‘Sistouza’ de Eduardo Pérez Baamonde, natural de Vilalba, residente en Cambados-Pontevedra.
Concedeu cadansúa Mención de Honra a Manuel Carballeira Rivas, natural de Cospeito e residente en Valdoviño, pola súa obra ‘Río dourado’, e a Miguel Torre, do Val do Mao - O Incio, por ‘Brisa del Cantábrico’. Asimesmo, concedeu Mención especial á obra ‘Vista de la Rinconada y la Catedral’ do lucense José Luis Mendaña, ‘Cubi’.
A mostra coas 14 obras presentadas ao certame poderase visitar na sala de exposicións da Delegación Territorial ata o vindeiro 13 de xaneiro. A entrega de premios terá lugar no centro cultural de Begonte o 1 de febreiro, coincidindo coa clausura do Belén.
A inauguración da mostra contou tamén coa presenza do delegado territorial de Lugo da Xunta de Galicia, Javier Arias; o presidente do centro cultural José Domínguez Guizán, Xulio Xiz; e familiares de Manuel Gulín Rodríguez, a quen se dedicou este ano o certame de arte, en recoñecemento ás tres décadas nas que participou no mesmo como membro do xurado.