Presentada en Lugo a 50ª edición do Belén de Begonte
11/25/2021
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da 50ª edición do Belén de Begonte, que abrirá as súas portas entre o 4 de decembro e o 29 de xaneiro de 2022. A cita, declarada de interese turístico galego, recupera así a presencialidade despois de celebrar o ano pasado unha edición virtual por mor das restricións impostas a causa da pandemia. Porén, tamén poderá ser visitado a través da súa web, que recolle a historia e outra información de interese sobre o proxecto. A versión virtual do Nacemento estará dispoñible en galego, castelán e inglés.
Na presentación participaron o delegado territorial da Xunta, Javier Arias; o teniente de alcalde de Begonte, Luís Luaña; e Xulio Xiz, en representación da entidade organizadora, o Centro Cultural Xosé Domínguez Guizán.
O encargado de ler o pregón o 4 de decembro na igrexa parroquial de Begonte (18.00 horas) será o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos. A continuación actuará o Orfeón Lucense e a Banda Sons e Soños, da asociación Músico Crisanto.
Exposicións e certames culturais completan a programación de actos. Así, convócase o certame galego de arte José Domínguez Guizán, así como o concurso de poesía sobre o Nadal; o certame xornalístico Begonte e o Nadal e o de debuxo infantil, ao que poden concorrer a través dos seus colexios os nenos e nenas de ata 15 anos -en dúas categorías, unha ata 10 anos e outra de 11 a 15-. Hoxe foi presentada unha publicación que recolle os traballos de xornalismo e poesía premiados na pasada edición.
Paralelamente, segue en marcha a mostra 50 Anos do Belén de Begonte, proxectada polo colectivo Egeria e o centro cultural José Domínguez Guizán con apoio do Goberno galego e do Concello de Begonte. Parte do contido percorre de xeito itinerante máis de 30 concellos do Camiño de Santiago; mentres que varios paneis permanecen expostos na Delegación Territorial do Goberno autonómico na ronda da Muralla, a biblioteca pública da Xunta en Lugo, a catedral de Mondoñedo e a casa da cultura de Begonte. Tamén nas instalacións da SA Xacobeo e no pazo de San Roque, en Santiago de Compostela.