Superadas as 40.000 visitas no Belén de Begonte. O sábado, 1 de febreiro, acto de clausura de “O Nadal en Begonte”
01/27/2025
Finalizadas as actividades e accións de “O Nadal en Begonte”, organizadas polo Centro Cultural José Domínguez Guizán, o próximo sábado, 1 de febreiro, ás cinco da tarde, no salón de actos do Belén, vaise celebrar o acto de clausura coa entrega de Premios aos galardoados nos certames de Xornalismo, Poesía, Arte e Debuxo Infantil.
Recibirá o título de Socio de Honra do Belén o escritor e profesor lucense José Carlos Ulloa García, que doou á institución a colección de figuras artesás do crego Edelmiro Ulloa, coas que este montou durante moitos anos o Belén do Hospital Xeral de Lugo.
Ao outro Socio de Honra, Román Rodríguez, Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, ao non poder acudir a Begonte neste día, seralle entregado posteriormente.
Visitas ao Belén
A directiva do Belén quere expresar a súa satisfacción polo número de visitas, polos comentarios e observación dos visitantes, polo comportamento, mesmo cando foron precisas esperas que se procuraron minimizar no posible, nesta edición do Belén.
A falta de maior exactitud de cifras de visitantes, reafirmámonos nos 40.000 que se nos veñen atribuindo nos últimos anos, se ben notamos que aumentou a afluencia, especialmente nas fins de semana inmediatas ás festas, con xornadas nas que se prolongou o horario, e pasaron de dúas mil persoas ao día. Temos superados os 40.000 visitantes, aínda que a última fin de semana non cumpríu as expectativas polo temporal existente.
Á parte das visitas á sede do Belén, rexistramos 5.803 visitas virtuais a través do espazo habilitado na web. Delas, 3.054 elixiron a versión en castelán, 2.577 a de galego, e 172 en inglés. Por outra parte, durante 2024, a web do Belén tivo un total de 34.234 visitas das que 12.283 se produciron o ultimo trimestre do ano.
Sería doado sumar estas cifras para conseguir a cifra que avanzaron algúns medios informativos de 50.000 visitantes, pero a prudencia obríganos a recalcar que simplemente revalidamos o que ata agora eran cálculos ou estimacións, e estamos profundamente satisfeitos da realidade do Belén e dos ecos desa realidade nos medios informativos.
O tempo do Nadal recentemente vivido foi extraordinario para o Belén, e na nosa web figuran recollidas un total de 97 informacións sobre o Belén e as súas actividades en diversos medios informativos -prensa escrita, radio, televisión e internet-, que evidencian a atención espertada e o seguimento das nosas actividades.