Certame de Arte do Belén de Begonte
12/21/2020
O Centro Cultural de Begonte convoca o XXXI CERTAME GALEGO DE ARTE “JOSÉ DOMÍNGUEZ GUIZÁN” de acordo coas seguintes BASES:
1. O Premio JOSÉ DOMÍNGUEZ GUIZÁN de Arte está dotado con 1.500 € (*) e estatuíña de Sargadelos.
2. Adxudicarase á obra pictórica (considerada no senso máis amplo) que resulte seleccionada polo Xurado calificador, que estará formado por especialistas na materia, xunto con representantes do Centro convocante.
3. Poderán optar a este premio obras de pintores galegos (nados en Galicia ou residentes habituais), con tamaño máximo de 1,5 m por 1 m, con ou sen marco.
4. Cada autor poderá presentar un máximo de dúas obras, acompañadas dos datos identificativos de obra e autor.
5. As obras, debidamente protexidas para evitar calquera deterioro, serán remitidas –libres de gastos– ao Centro Cultural de Begonte. As non premiadas serán devoltas libres de gastos ao enderezo que indiquen.
6. O prazo de presentación rematará ás 12,00 h. do día 15 de xaneiro de 2021. O Xurado seleccionará de entre as obras presentadas a gañadora do Certame, que quedará en propiedade da entidade convocante.
7. As obras presentadas, ou unha selección destas, serán expostas durante a segunda quincena de xaneiro de 2021 na sala da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo.
(*) O importe é líquido, despois de aplicarlles a retención do IRPF.
Oportunamente farase público o procedemento a utilizar para a entrega dos premios deste Certame