CHEGA O NADAL
11/12/2021
Benvidos todos, de novo, a Begonte. Benvidos todos, de novo, ao Belén que neste ano celebra – coincidindo co Ano Santo Compostelano- a súa quincuaxésima edición, e o próximo 2022 o primeiro medio século.
Agardando que se conrmen os favorables pronósticos en relación coa saúde colectiva, de novo abrimos as portas fisicas do Belén, mantendo sempre abertas as portas intanxibles da Rede que o pasado ano nos permitiron seguir mantendo contacto coa nosa gran familia, reforzando a nosa vida virtual que temos que seguir facendo medrar agora e no futuro.
Vivimos tempos difíciles para a relación entre as xentes, para esa relación de confluencia, convivencia, comunión, que o Belén facilita e promove, por iso nos parece especialmente importante que este ano poidamos de novo acoller visitas fisicas ao Belén, de nenos e maiores, de familias, de amigos… que nos vaian achegando a unha desexada normalidade que agardemos sexa a situación definitiva.
Begonte do Belén segue a agardar polos amigos do Belén, por todos os que neste xa longo tempo de existencia desta instalación relixioso-cultural-social teñen visitado esta chairega casa de todas as xentes de boa vontade que no Nadal atopan aquí garimosa acollida.
Que o Neno que cada ano nace entre nós, nos acolla e nos conforte, nos axude a superar tempo e circunstancias difíciles, e que siga a facer de Begonte e o seu Belén o punto de referencia dos galegos que buscan paz, cultura, sinxeleza, fraternidade, sempre e de xeito especial neste tempo do Nadal.
Que esta oración poética do chairego Crecente Vega, nos valla de leda plegaria para comezar cada un dos nosos días:
Bendita a vida e o amor.
Bendita Nosa Señora.
Bendito Noso Señor.
Jesús Domínguez Guizán, Presidente do Centro cultural José Domínguez Guizán.