Dous novos elementos para o Belén de Begonte
12/01/2023
Un “pobre de pedir”
Na primeira, aparecen dúas figuras que no Belén están diante de todo, xunto ao visitante: O da esquerda, é un “pobre de pedir”, que se incorpora ao Belén, e está colocado diante dun viaxeiro, que se supón pode axudar ao menesteroso.
Esta nova figura do Belén é obra de María Méndez Rodríguez, que viviu en Carlos Azcárraga, 48 (Hoxe, Adolfo Suárez) que gañou diversos premios de belenismo entre 1973 e 1991 polos seus nacemento artesanais. Ela confeccionaba as figuras, dun gran realismo, e o seu fillo, Ricardo Segundo López Méndez, profesor e escultor, conserva estas figuras e cede esta ao Belén de Begonte.
López Méndez incorporarase ao equipo do Belén para confeccionar novas figuras en movemento para próximas edicións.
Un recén nado
Na entrada ao edificio do Belén colocouse hoxe unha talla en madeira dun recén nado, de 700 kgs. de peso, obra do escultor César Lorenzana, que esta tallando as dezanove pezas que compoñeran – en todas as parroquias do concello – un intanxible “Camiño ao Belén de Begonte”, para representar que todo Begonte é un camiño cara á capital do Concello para chegar ao Belén.
Das dezanove tallas, cinco están xa instaladas, unha delas á beira do Belén, e nos próximos días instalaranse outras varias. Esta, que está provisionalmente situada xunto ao edificio do Belén, permanecerá neste lugar durante o Nadal para despois ser trasladada á súa ubicación definitiva.
As cinco tallas xa colocadas están en Begonte (as botas do camiñante cara ao Belén), Pacios, San Vicente de Pena, Damil e Saavedra. Esta última, diante do Santuario dos Milagres, un banco de flores dedicada á Virxe, é frecuentemente utilizada tanto polos visitantes ao santuario como polos que alí participan en celebracións, para fotografiarse sentados no banco que lembra que a Virxe é a “Señora do Belén”.