Francisco Prieto lembrou en Begonte os 800 anos da creación do primeiro belén
12/04/2023
Un sentido e agarimoso aplauso ao nonaxenario crego Jesús Domínguez Guizán, "o espírito" do belén de Begonte, que deixa a primeira fila na organización do nacemento electrónico, abría os actos da apertura da 52ª edición, que son tamén os da inaguración oficial do Nadal na Chaira, unha cita pregoada polo arcebispo de Santiago Francisco José Prieto.
Foi o bispo da diócese mindoniense, Fernando García Cadiñanos, quen se encargaba da presentación dun pregoeiro que comezaba o seu discurso volvendo 800 anos atrás no tempo, ata 1223, cando san Francisco de Asís decidía darlle forma ao "encontro con Deus feito neno" ideando o que foi o primeiro belén e dando pé a unha longa tradición que ten en Begonte unha montaxe artesanal declarada Festa de Interese Galego e que, segundo dicía o alcalde begontés, José Ulla, quere obter tamén a distinción nacional.
Prieto tomou prestadas as palabras de Manuel María para iniciar unha intervención que pechaba cunha panxoliña do século XVII, a primeira escrita en galego, e entre medias falou dun tempo "de espera e de esperanza", con moitas connotacións positivas, coma a fraternidade ou a solidariedade, aínda que ás veces tamén poida ser "superficial, desgarrado ou violento", pero sempre "e agora máis ca nunca", insistiu, vencellado á esperanza.
Falou de Deus, que está "ao redor, abre os ollos e mira ben", e que se fixo humano, "un de tantos", escollendo para nacer "un pesebre", "unha familia pobre", "a incerteza no lugar de telo todo asegurado". Tal e como se representa en Begonte, nun belén que definiu coma "unha fermosura" chea de detalles, no que se mestura "a imaxinación coa tenrura, o frío e a calidez, a emoción e tamén os medos, todo depende en onde un poña o acento".
O pregoeiro, que recibiu unha placa e un agasallo de Aspnais, tamén fixo fincapé no significado do Nadal, que, asegurou, "vai de amor" e "non tanto de festas, de risas de lata, de zambombas ou enchentas". Por iso, "nace de novo o Señor neste mundo sin paz, ata na terra na que el naceu tampouco hoxe hai paz", para lembrar que esta é unha época de alegría, de proximidade e de comprensión.
A súa intervención tivo lugar no centro cultural José Domínguez Guizán, nun concorrido acto amenizado pola banda Sons e Soños, que interpretou catro temas e que contou coa presenza de diversas autoridades, coma o deputado nacional Francisco Conde ou o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen lembrou o poder de convocatoria dun nacemento que recibe unhas 40.000 persoas nos dous meses que está aberto.
Xulio Xiz exerceu unha vez máis de mestre de cerimonias, destacando que este ano Siro creou a Alba de Gloria do belén, que recolle 25 persoas moi vencellas a este. Tamén aludiu ao nomeamento como socios de honra de José Manuel Zas, directivo de Erimsa xa xubilado que sempre colaborou co belén begontés, e do finado José Manuel Gulín, xurado do certame de arte durante 30 anos e que nesta edición se convoca na súa memoria.
Fuente: El Progreso