'Imaxes do Nadal', na Casa de Cultura de Vilalba
12/31/2018
O próximo mércores, 2 de xaneiro, na Casa de Cultura de Vilalba, ás 12,00 h., vaise inaugurar a exposición de fotografías IMAXES DO NADAL, con instantáneas dos fotógrafos lucenses Eduardo Ochoa, Miguel Calvo, Eduardo Gago, Miguel Fraga, Xosé Manuel Otero, José Manuel Guisasola, Gerardo Lozano Méndez, Hixinio Flores e Toñi Fernández Ónega (in memoriam). Esta mostra é unha iniciativa do centro cultural José Domínguez Guizán de Begonte (entidade promotora do Belén Electrónico de Begonte) e o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá.
No Nadal de 2017-2018, este conxunto de imaxes ofreceuse ao público en Lugo, Begonte e Chantada, e en próximos anos seguirá percorrendo a Terra Chá como aportación ás festas do Nadal.
As 39 fotografías desta exposición conforman unha perspectiva poliédrica de temas do Nadal, comprendendo visións tradicionais, humanas, paisaxistas… sempre suxerentes e atractivas.
A mostra pode contemplarse ata o próximo 15 de xaneiro na Casa de Cultura vilalbesa. Na primeira quincena de decembro, estivo exposta na Casa Habanera de Guitiriz, e na última quincena do ano na Casa do Concello de Rábade.
No acto inaugural da exposición, ademais de representantes do Concello de Vilalba que colabora na organización, participarán o Alcalde de Begonte, José Ulla Rocha; o Presidente do Centro cultural begontino, Jesus Domínguez Guizán; o Presidente de Fonmiñá, Xulio Xiz; o responsable de Fotografía do Grupo e coordinador da mostra, Eduardo Ochoa; e varios dos fotógrafos autores das obras expostas.