'Imaxes do Nadal', no Concello de Rábade
12/17/2018
O próximo martes,18, na Casa do Concello de Rábade, ás 11,00 h., vaise inaugurar a exposición de fotografías IMAXES DO NADAL, con instantáneas dos fotógrafos lucenses Eduardo Ochoa, Miguel Calvo, Eduardo Gago, Miguel Fraga, Xosé Manuel Otero, José Manuel Guisasola, Gerardo L. Méndez, Hixinio Flores e Toñi Fernández Ónega (in memoriam). Esta mostra é unha iniciativa do centro cultural José Domínguez Guizán de Begonte (entidade promotora do Belén Electrónico de Begonte) e o Grupo Fotográfico Fonmiñá de Lugo.
No pasado Nadal, este conxunto de imaxes ofreceuse ao público en Lugo, Begonte e Chantada; este ano, en Guitiriz, Rábade e Vilalba, e en próximos anos seguirá percorrendo a Terra Chá como aportación ás festas do Nadal.
As 39 fotografías desta exposición conforman unha perspectiva poliédrica de temas do Nadal, comprendendo visións tradicionais, humanas, paisaxistas…sempre suxerentes e atractivas.
A mostra pode contemplarse ata o próximo 31 de decembro, na planta baixa –entrada- da Casa do Concello de Rábade, e do 3 ao 14 de xaneiro próximo estará na Casa da Cultura de Vilalba. Do 3 ao 14 de decembro estivo exposta na Casa Habanera.