Nava Castro sustitúe ao Conselleiro de Educación no Pregón do Nadal en Begonte
11/30/2018
Mañá, sábado, vaise inaugurar a tempada de O NADAL en Begonte, que celebra a súa XLVII edición, co pregón do Nadal e a apertura do Belén Electrónico e do Museo do Belén.
O pregón terá lugar no decurso dunha misa que ás seis da tarde se celebrará na igrexa parroquial de Begonte, polos socios e amigos do Belén. Estaba previsto que o Pregon fose pronunciado polo Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González, pero por unha viaxe oficial do Conselleiro vai ser substituido por Nava Castro, Directora de Turismo de Galicia, que xa foi pregoeira do Nadal en Begonte o ano 2015.
Actuarán na igrexa parroquial con este motivo a Banda xuvenil das Escolas de Música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, dirixida por Armando Morales e o Coro destas Escolas, dirixido por Esperanza Méndez Iglesias.
A continuación, procederase á apertura do Belén na súa XLVII edición e o Museo José Rodríguez Varela, museo do Belén.
Con motivo desta nova edición de O Nadal, o centro cultural que leva o nome do seu fundador, José Domínguez Guizán, ten convocados os certames Nacional de Poesía sobre o Nadal (XLVII), Certame Xornalístico (XLVII), Certame de Debuxo infantil (XLVII) e o XXIX Certame galego de arte José Domínguez Guizán.
E ao igual que na edición anterior, ponse en circulación a exposición de fotografía IMAXES DO NADAL, conxunto de obras de fotógrafos membros do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, que o pasado ano se expuxo en Lugo, Begonte e Chantada, e este ano se exhibirá en Guitiriz (Casa Habanera), Rábade (Casa do Concello) e Vilalba (Casa da Cultura).
Desde mañán, o Belén electrónico e Museo do Belén pode visitarse ata o 21 de decembro e do 7 ao 26 de xaneiro, os sábados, domingos e festivos de 11 a 13 e de 15 a 19 h., e do 22 de decembro ao 6 de xaneiro próximos, todos os días co mesmo horario.