O Belén de Begonte inaugura o sábado unha nova edición co pregón de Román Rodríguez
11/26/2024
O Belén de Begonte inaugurará este sábado a súa edición número 53 co pregón do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez. O evento foi presentado hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o tenente alcalde begontino, Luis Luaña; o presidente do centro cultural José Domínguez Guizán, Xulio Xiz, e o secretario da entidade, José Rodríguez -fillo do artesán creador do conxunto, José Rodríguez Varela-.
O Belén, declarado de Interese Turístico de Galicia, é artesanal e electrónico, e atrae cada ano a arredor de 40.000 visitantes. Poderá contemplarse do 30 de novembro ao 1 de febreiro; entre Nadal e Reis estará aberto todos os días, de 11 a 13 horas e de 16 a 19 horas, e nas restantes semanas abrirá sábados, domingos e festivos, aínda que se poden concertar visitas de grupo noutras xornadas.
Como principal novidade, este ano empeza a incorporar figuras procedentes do Belén que instalaba no antigo Hospital Xeral o sacerdote Edelmiro Ulloa, que foron doadas a Begonte polo seu sobriño, o escritor Xosé Carlos Ulloa. Son tamén pezas artesanais e entre as que xa se poden desfrutar figuran unha máquina de mallar ou un cabazo; outras vanse amosar no Museo do centro cultural, que ocupa o recinto anexo.
Por outra banda, os organizadores amplían o programa de actividades coa convocatoria do primeiro Certame Audiovisual sobre o Nadal, que se suma aos tradicionais concursos de poesía, xornalismo, debuxo infantil e arte. A temática é o Nadal en todos os casos, e os premios serán entregados no acto de clausura do Belén. As obras que concorran ao concurso de arte serán expostas na Delegación Territorial de Lugo e na Casa da Cultura de Begonte.
Así mesmo, os días 21 e 22 celebrarase un mercado de Nadal na praza Irmáns Souto Montenegro e arredores, organizado polo Concello. O mural de Diego As en Begonte ou as tallas de madeira distribuídas polo escultor César Lorenzana nas 19 parroquias, son outras propostas vinculadas ao Belén no municipio.