O bispo da diocese Mondoñedo-Ferrol inaugura o XLV Nadal en Begonte
12/02/2016
O Nadal en Begonte cumpre este ano as 45 edicións que dan inicio este sábado 3 de decembro arredor das seis da tarde co pregón a cargo do bispo da diocese Mondoñedo-Ferrol, Luis Ángel de las Heras.
O acto terá lugar na igrexa de Begonte no marco dunha misa polos amigos e colaboradores do Belén de Begonte falecidos. Ademais, usuarios de Aspnais efectuarán diversas ofrendas ao Neno con produtos correspondentes aos traballos nos diversos talleres que realizan na institución.
O Coro Mosaico do Movemento xuvenil Mercedario do Colexio Tirso de Molina de Ferrol, dirixido por Mati Riobóo Estripot, ofrecerá un recital.
De seguido, abrirase o Belén de Begonte e tamén o Museo do Belén no Centro Cultural José Domínguez Guizán que permanecerá aberto os sábados, domingos e festivos de once da mañá a unha do mediodía e de tres da tarde a sete do serán. Nese mesmo horario abrirá tódolos días entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro. De tódolos xeitos, as visitas colectivas deben reservar no teléfono 982 396 121.
Máis que o Belén
As actividades complétanse cos certames culturais -xornalismo, poesía, debuxo infantil e pintura- que convoca o centro. De feito, as obras presentadas ao Certame Galego de Pintura serán expostas na Casa da Cultura de Begonte a partir do 13 de xaneiro -despois de ter pasado polo edificio administrativo da Xunta en Lugo- ata o sábado 26 de xaneiro que se desenvolverá a clausura do XLV Nadal en Begonte coa entrega de premios e a actuación da Escola de Música Municipal de Begonte, Rábade e Outeiro de Rei.