O NADAL EN BEGONTE: Remata a 50ª edición -
01/26/2022
Ven de darse por rematada a 50ª edición de O NADAL EN BEGONTE, iniciada o pasado 4 de decembro co pregón pronunciado polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos.
En contraste coa anterior, esta simbólica tempada caracterizouse pola presencialidade, en grupos reducidos, rexistrados previamente a través de internet ou telefónicamente, atendendo tamén a quen acudía sen reserva na medida en que as dispoñibilidades de espazo o ían permitindo.
Estímase en algo máis de 14.000 visitas as recibidas nos case dous meses de funcionamento do Belén, ás que hai que sumar as 12.500 (algo máis de 200 diarias) visitas á páxina web desde diversos puntos do mundo, sendo maioría os españois e, dentro deles, os galegos.
Dentro da complexidade da actual situación sanitaria, o desenvolvemento deste tempo do Nadal en Begonte foi totalmente normal, gardando distancias e cumprindo as prescripcións establecidas ao respecto. Precisamente esa normalidade no desenvolvemento da campaña aconsellou non celebrar o habitual acto público de clausura de actividades e entrega de premios previsto para o último sábado de xaneiro.
A entrega de premios hase efectuar de xeito virtual a próxima semana para os certames de Arte (Oscar Cabana Picado), Xornalismo (Pablo Veiga López-Castelo, Santiago Rodríguez López, Xoán Neira e Ruth Fernández Fernández) e Poesía (Baldomero Iglesias Dobarrio, Xosé Otero Canto, Carlos López Fernández e Xoán Xosé Fernández Abella). Os premios do Certame de Debuxo sobre o Nadal serán remitidos aos centros onde cursan os seus estudos os premiados.