O próximo sábado comeza en Begonte o Nadal
11/27/2023
O próximo sábado comeza en Begonte o Nadal, coa LII edición do Belén de Begonte, que rematará o último sábado de xaneiro. Acompañamos información presentada hoxe, coas catro novidades deste ano:
Nova figura
Este ano, o Belén de Begonte vai incorporar a figura de un POBRE DE PEDIR, confeccionada por María Méndez Rodríguez (xa falecida), que vivíu en Carlos Azcárraga, 48 (hoxe Adolfo Suárez). Esta lucense confeccionou numerosas figuras para o seu belén artesano, que montou desde 1973 ata 1991, cando cumpríu 75 anos, obtendo diversos premios nos concursos lucenses de belenismo. Aporta esta figura o profesor de lingua española e escultor Ricardo Segundo López, fillo da artesá, que se incorporará ao equipo do Belén para a confección de pezas novas.
2 novos socios de honra
Nesta edición vanse sumar dous novos Socios de Honra aos amigos destacados do Belén:
JOSÉ MANUEL ZAS, Director Técnico de Erinsa, empresa instalada no Concello de Begonte, polo seu continuo apoio e axuda ao Belén e as súas actividades.
MANUEL GULÍN RODRÍGUEZ, a título póstumo. Falecido o pasado setembro, Gulín, grande amigo do Belén foi, como pintor e especialista en arte, durante os últimos trinta anos, xurado do Certame galego de Arte “José Domínguez Guizán”, e do Certame de Debuxo infantil sobre o Nadal. Tamén, na súa lembranza, a actual edición do Certame Galego de Arte celébrase ”In memoriam Manuel Gulín Rodríguez”.
Alba de Gloria do Belén de Begonte
Do xeito que Castelao soñou hai 75 anos unha Alba de Gloria na que aparecían os galegos máis sobranceiros de todos os tempos, Siro, o xenial creador de imaxes con alma, debuxounos unha ALBA DE GLORIA DO BELÉN DE BEGONTE, con 25 persoas especialmente vencelladas co Belén, que queremos lembrar conxuntamente como representantes dos milleiros de amigos nosos, e a través deles poidamos ter presente o percorrido efectuado nestes 51 anos.
Nova Directiva
Entra o Belén nunha etapa de crecemento e impulsión, xestionándose nestes momentos a constitución dunha nova directiva – e campaña de captación de socios – para afrontar os próximos tempos con moi ambiciosos proxectos para o futuro.