O primeiro Pregón virtual do NADAL DE BEGONTE
12/10/2020
Hoxe, no Belén de Begonte, o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, deu lectura ao Primeiro Pregón Virtual do Nadal, en presencia do Alcalde de Begonte, José Ulla e do Presidente do Centro cultural que impulsa o Belén electrónico de Begonte e as actividdes do Nadal begontino, Jesús Domínguez Guizán.
O Pregón, ao que acompañou musicalmente ao baixo o profesor da Escola Músico Crisanto de Rábade-Begonte-Outeiro de Rei, Carlos Andrés Martínez López, foi gravado en video para incorporalo á web www.belendebegonte.es, na XLIX edición de O Nadal de Begonte, que vai ser esencialmente virtual pola situacion sanitaria actual.
As actividades desta edición especialmente virtual do Nadal begontino serán presentadas a próxima semana, asi como será efectuada a convocatoria dos diversos certames que con tal motivo ven impulsando o Belén electrónico desde hai case medio século.
Pregón de Valentín García Gómez
Señor alcalde D. José Ulla
Señor cura párroco…
Veciños e veciñas de Begonte
Visitantes
Amigas e amigos
Moi feliz e sumamente agradecido pola distinción da que son obxecto, comparezo ante todos vostedes para cumprir co rito de dar lectura ao pregón co que se abre ao público o Belén de Begonte deste ano, un feito para min histórico por ser o primeiro virtual e creo que poucos feitos na historia da Humanidade tiveron tanta transcendencia como o nacemento do neno Xesús en Belén . Fágoo tamén con humildade, consciente de que antes ca min, desde aquel afastado 1972 en que este fermoso proxecto tivo o seu inicio, gozaron desta distinción ilustres persoas que, co seu nome e prestixio, axudaron a engrandecelo e a divulgalo. Así pois, vivo este momento como unha honra que se me concede grazas á xenerosidade de vellos amigos e amigas, ao tempo que o asumo coa gran responsabilidade que de min se esixe, que non é outra senón a de outorgarlle a Begonte hoxe, como vén ocorrendo desde hai case 50 anos, o xusto honor de ser a capital do Nadal en Galicia, e proclamar a súa vixencia.
Nestes case 50 anos de existencia do Belén de Begonte, a percepción e a vivencia do Nadal mudou notablemente, en paralelo cos cambios experimentados na nosa sociedade, moitos deles auténticos e incuestionables avances nas condicións de vida das persoas. Talvez como consecuencia destas mudanzas sociais, resulta evidente que aquel tradicional Nadal que supoñía o cíclico recordatorio da condición fráxil da natureza humana, mostrado a través da imaxe dun delicado bebé deitado nun humilde presebe, foi substituído, en boa medida, pola insubstancial fascinación por fútiles experiencias como as que producen as multicolores luces que abundan nos espazos públicos e mesmo domésticos, o balbordo estridente de músicas e xentes, e os reclamos insistentes que chaman ao consumo.
A irrupción da covid-19 en todo o mundo púxonos, de súpeto, este ano 2020 fronte a condición precaria da nosa existencia, como individuos e como sociedade, e fíxonos retornar, coa mirada orixinal, a este retablo que temos diante de nós no que se representa a unha nai e a un pai que, na súa loita contra as múltiples adversidades que os ameazaban (pobreza, persecución), procuran e atopan acubillo, para o fillo que lles vai nacer, nunha modesta corte, onde a calor a dan animais e o alimento o fornecen uns sinxelos pastores. Por iso, convén afirmar que este retablo no que se narra unha historia a un tempo divina e humana posúe unha validez universal que transcende marabillosamente a cristiá na que tivo a súa orixe hai 2000 anos e que aínda perdura entre nosoutros tanto tempo despois, porque nos fala aos homes e ás mulleres do presente e de todo o planeta sobre a nosa natureza crebadiza e continxente e porque é un símbolo de esperanza nun futuro prometedor e amable, tal como querían María e Xosé para eles dous e para o seu fillo.
Non é este o único valor simbólico que posúe o Belén de Begonte, e necesario resulta apelar a esoutro que resucita con forza precisamente este ano infausto en que un inesperado virus nos atafega, contra o que loitamos e ao que esperamos vencer coas armas da responsabilidade individual e a colaboración comunitaria. Aínda que o asombroso Belén de Begonte naceu grazas á feliz iniciativa de don José Domínguez Guizán, o proxecto tería posiblemente poucas probabilidades de éxito e non o coñeceriamos co esplendor co que o gozamos hoxe tantos anos despois se o chorado cura párroco de Begonte e aqueles que o sucederon no cargo non contasen coa axuda doutras moitas persoas, homes e mulleres de Begonte e doutras procedencias que durante estas case cinco décadas asumiron esta empresa como propia, a xeito de regalo desinteresado á comunidade. Así pois, quixera resaltar do Belén de Begonte a condición de símbolo de colaboración comunitaria, de altruísmo e de amor ao ben común, tan necesarios no momento presente.
Así pois, non é de estrañar que o máis famoso dos nosos beléns resultase a semente doutras moitas iniciativas e proxectos, entre os que sobresaen os de índole cultural, arredor dos cales vós, os veciños e as veciñas de tan fermoso lugar, conseguistes manter vivo e enriquecer o acervo secular que recibistes en herdanza, ao tempo que forxabades uns vínculos sociais que producen admiración a todas aquelas persoas que vos visitamos para gozar do froito do voso traballo. Atraídos pola calor e a luz deste lume humano e cultural que é unha fermosa recreación do nacemento máis famoso do mundo, acudiron a el, ademais de artistas e comunicadores, tamén poetas que atoparon neste agasallo para os sentidos, o sopro xenésico para a creación milagrosa de inspirados versos. E non causa sorpresa que, entre os que o cantaron, se atopen algúns e algunhas que forman parte xa das páxinas de ouro da rica historia do parnaso galego contemporáneo: Fiz Vergara Vilariño, Helena Villar Janeiro, ou Xosé Carlos Gómez Alfaro, entre outros e outras moitos.
Con versos de Gómez Alfaro vou poñerlle o ramo a este meu pregón, non sen antes reiterar as miñas máis sinceras grazas a todos os que fixestes por me convidaren a estar hoxe, aquí en Begonte do Belén, para celebrar con todos e todas vostedes, outro ano máis, a grandeza deste símbolo de divindade e humanidade chamado o Belén de Begonte.
Estes son os versos do poeta Gómez Alfaro:
Durme, noso Neno durme,
durme no colo de vida
que che está a tecer Begonte
e mañá ó raia-lo día
xa apagarás eses lumes,
eses tronos e esas iras
que acesos témo-los homes
nesta cloaca de víboras.
Durme, Xesusiño, durme,
que mañá serás mesías,
asilo, verdade e norte.
Durme, noso Neno, durme,
durme no templo de vivas
que che levantou Begonte.
Moitas grazas