Panxoliñas e Galicia sabe Amar, hoxe no Belén
12/23/2024
O dúo ConVersoS, formado por Toño Núñez e Xosé Manuel do Castro, gravou esta mañá a panxoliña LINDA NOITE, con letra aplicada ao Belén de Begonte, para a súa difusión nas redes sociais como felicitación de Nadal, e como apoio ao Belén na campaña de difusión para chegar a obter a declaración de Interés turístico Nacional. A panxoliña será difundida esta Noiteboa, agardando pode facilitar mañá un enlace coa gravación.
Ademais, esta tarde estivo á beira do Belén de Begonte o furgón da campaña GALICIA SABE AMAR, que durante a mañá estivo estacionado ao lado da casa do Concello.
Esta fin de semana
Foi unha fin de semana de record no Belén, dunha banda porque se achegan as datas principais do Nadal, e doutra por coincidir coa Feira do Nadal, organizada polo Concello de Begonte. De xeito especial o domingo e, neste, pola tarde que houbo que prolongar máis de hora e media o horario de apertura, acudiron numerosas persoas que formaron colas longas que foron avanzando de xeito fluído. Nestes momentos, desde a súa inauguración o 30 de novembro, ten superado a cifra de 11.000 visitantes, agardando para as próximas xornadas o maior número de asistentes.
Grupos
Durante a mañá do luns recibiuse, entre outros grupos, aos nenos de Aranga, en visita organizada polo veciño concello coruñés, e varios grupos -mañá e tarde- da Residencia de Maiores de Castro de Ribeiras de Lea.
Certame de arte
Recórdase que ata as 12 h.. do próximo día 25, mércores, recíbense na sede do Centro Cultural José Domínguez Guizán-Belén, cadros cos que os seus autores participarán no Certame de Arte convocado polo Centro.