Superados os 40.000 visitantes ao Belén de Begonte, e 35.000 visitas virtuais
01/27/2023
O Belén de Begonte, sen contar a última semana de xaneiro, ten superados os 40.000 visitantes desde a súa apertura a comezos do pasado mes de decembro, rebasando as cifras pre-pandemia. A estas visitas físicas ao Belén na súa sede de Begonte únense as máis de 35.000 visitas virtuais das que 4.756 foron a través de Youtube, sendo 316 as visitas ao Belén 360º, 2.060 ao belén virtual en galego, 2.204 en castelán e 170 en inglés.
Os días de apertura no mes de xaneiro tiveron un promedio de 750 visitantes diarios, aos que hai que sumar as numerosas visitas colectivas (máis de trinta), entre as que hai que destacar as de Colexios, centros da terceira idade, entidades culturais e sociais e, na pasada semana, o grupo de usuarios de Aspnais que visitaron o Belén e o seu museo, contemplaron o traballo do artista Diego As, e foron recibidos polo Alcalde José Ulla diante da Casa do Concello.
A estas visitas hai que sumar as que recibiron as catro exposicións do Belén (50 ANOS DO BELÉN DE BEGONTE, IMAXES E PALABRAS NO BELÉN, MOSTRA BIBLIOGRÁFICA DE MEDIO SÉCULO, e obras presentadas ao Certame Galego de Arte) na Biblioteca Provincial de Lugo, Sala da Delegación Territorial da Xunta en Lugo, Casa da Cultura de Begonte e Feira do Nadal en Begonte.
Desde o Belén queremos agradecer aos medios informativos a excepcional atención que dispensaron ás nosas actividades, e aos milleiros de visitantes e simpatizantes que nos fan chegar a súa admiración por manter vivo este labor de medio século, e de ánimo para o futuro.