Acta do Xurado do XXIX CERTAME GALEGO DE ARTE "JOSÉ DOMÍNGUEZ GUIZÁN" de Begonte
01/09/2019
Acta do Xurado do XXIX CERTAME GALEGO DE ARTE "JOSÉ DOMÍNGUEZ GUIZÁN" de Begonte
En Lugo, na sala do edificio administrativo da Xunta de Galicia, reúnese o xurado do XXIX CERTAME GALEGO DE ARTE "JOSÉ DOMÍNGUEZ GUIZÁN", formado por: AURELIA BALSEIRO RODRÍGUEZ (Directora do Museo Provincial de Lugo), MANUEL GULÍN RODRÍGUEZ (Pintor), GONZALO SÁNCHEZ FOLGUEIRA-ZALO (Pintor), e XULIO GIZ RAMIL (Secretario, sen voz nin voto, en representación do Centro cultural JOSÉ DOMÍNGUEZ GUIZÁN DE BEGONTE).
Por unanimidade, acordan manifestar a súa satisfacción pola cantidade (25) e calidade das obras presentadas, con un abano de temas e estilos dun excelente nivel, merecendo destacar a obra da máis moza dos participantes, EMMA MARÍA REGO EIROA, de 15 anos de idade, de Viveiro, coa súa obra "Morriña", como exemplo de aprendizaxe temperá; e as dos máis veteranos CARMEN LOLO POMBO e LUIS MACEIRA CRESPO, polas súas sempre excelentes aportacións, exemplo de dedicación e entusiasmo pola arte da pintura.
O premio JOSÉ DOMÍNGUEZ GUIZÁN, dotado con 1.500 € e estatuíña de Sargadelos, concedese á obra “Máis aló desta vida”, presentada polo pintor lucense MANUEL ÁNGEL CARREIRA VARELA.
Pola calidade dos seus traballos, concédense cadansúa MENCIÓN DE HONRA, dotada con estatuiña de Sargadelos, ao artista de orixe vilalbés, residente en Cambados, EDUARDO PÉREZ BAAMONDE, e a MANUEL CARBALLEIRA RIVAS, natural de Sistallo-Cospeito e veciño de Valdoviño, pola obra "Aínda serra".
A entrega de premios efectuarase o próximo 26 de xaneiro de 2019, sábado, no decurso dos actos de clausura de O NADAL DE BEGONTE.