A web do Belén de Begonte xa inclúe o BELÉN VIRTUAL
12/24/2020
A web www.belendebegonte.es xa ofrece a versión virtual do Belén electrónico que os Servizos Audiovisuais da Deputación Provincial de Lugo confeccionaron para a Asociación José Domínguez Guizán, impulsora do Belen begontino. Pode verse en www.belendebegonte.es/belenvirtual e en www.belendebegonte.es/content/nadal-2020-2021.
Polas actuais condicións sanitarias, este ano non é posible visitar fisicamente o Belén de Begonte, como viñan facendo nas últimas edicións arredor de corenta mil persoas cada ano, das que moitas acudían en viaxes organizadas por Asociacións de veciños, entidades culturais ou da terceira idade, e centros educativos.
Optouse, xa que logo, por unha versión virtual que permitise ver o Belén en condicións similares ás das habituais visitas, para o que os técnicos de Audiovisuais da Deputación prepararon un vídeo con información en galego, castelán e inglés para mellor difundir a historia e realidade do Belén electrónico da Begonte.
Nestes momentos, na web do Belén de Begonte, ademais da súa historia (esta é a edición XLIX) e da dos seus certames culturais (XLV dos de Poesía, Xornalismo e Debuxo infantil e XXXI do Certame Galego de Arte), pode accederse a toda a información relativa á actual campaña de O NADAL ENB BEGONTE, así como ao primeiro pregón virtual, pronunciado por Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, e a versión virtual do Belén que onte se puxo a disposición dos internautas.
Por outra parte, neste momento están abertas as exposicións IMAXES DO NADAL, na Sala da Delegación Territorial da Xunta en Lugo e NO BELÉN DE BEGONTE, na Biblioteca provincial de Lugo. E están convocados os catro certames do Belén, con prazo de presentación de traballos ata o próximo 15 de xaneiro.