No Belén de Begonte superáronse este mércores, 28 de decembro, as 20.000 visitas
12/29/2022
Nos primeiros vintesete días de “O Nadal en Begonte” -onte, 28 de decembro, rexistrámolos-, superáronse amplamente as 20.000 visitas, a pesar de que ata o día de 24 só se abriu ao público sábados, domingos e festivos. Neste momento, e ata o día de Reis ábre todos os días (de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas), volvendo desde esa festividade ata finais de xaneiro ao calendario inicial.
O promedio de asistentes cada día de apertura supera as mil persoas, tendo xa visitantes formando cola á hora de apertura, e debendo prolongar o funcionamento ata que todos os que veñen a Begonte puideron ser acollidos.
Mesmo os días en que non funcionaba o Belén recibíronse numerosos grupos (algún, superando as 150 persoas, en varios autobuses), sendo a mañá do pasado mércores o momento de maior afluencia, con sete colectivos atendidos.
O centro cultural José Domínguez Guizán agradece aos medios informativos de toda Galicia a súa atención e difusión, debendo mencionar como exemplo que no programa concurso das tardes na TVG se formulou onte unha pregunta en relación coa ubicación do Belén electrónico begontino. Agradecemento, asimesmo, a todos os visitantes, pola paciencia demostrada cando se producen colas, e polo correcto comportamento en todo momento.
Certamente, hai que considerar superadas as limitacións da pandemia, as cifras de visitas anteriores, e a evidencia de que estamos nun novo tempo do Belén que comeza, precisamente, coa celebración do cincuentenario da súa fundación.