JESÚS DOMÍNGUEZ GUIZÁN, Presidente de Honra da Asociación que promove o BELÉN DE BEGONTE
01/15/2024
Jesús Domínguez Guizán, exPresidente da Asociación que leva o nome do seu irmán José, promotora do Belén de Begonte, ven de ser nomeado Presidente de Honra da Asociación e do Belén pola Xunta Directiva da entidade que preside Xulio Xiz, en xuntanza celebrada o pasado venres.
Jesús Domínguez, que tomou o relevo na presidencia do Belén de Begonte ao pasamento do seu irmán José en 1986, estivo á fronte das actividades do Nadal begontino e do Belén durante trinta e sete anos, deixando a presidencia a petición propia para dar paso a unha nova directiva que afronte o futuro desta iniciativa declarada de Interese Turístico Galego. A entrega do nomeamento vaise efectuar o sábado, 27 de xaneiro, no decurso dos actos de clausura da LII edición de O Nadal en Begonte.
Neste mesmo acto vaise efectuar tamén un especial recoñecemento a Pilar Gómez Rodríguez, viuva do creador, José Rodríguez Varela, falecida o pasado mes de marzo. Hai décadas, Pilar foi nomeada “Señora do Belén” polo seu especial papel na creación e evolución do Belén begontino, pero nunca se lle fixo entrega dunha lembranza tanxible deste título. De xeito póstumo vaiselle entregar o 27 de xaneiro aos seus fillos Pilarita e Josiño.