No centro-norte de Galicia, ó Oeste da provincia de Lugo, Begonte: 125 qm. cadrados con case 4.000 habitantes, dentro da comarca natural de “A Terra Cha”. Lugar privilexiado en comunicacións, xa que cruzan o seu territorio as autovías A-6 e A-8, e a Nacional VI. E o ferrocarril Palencia-A Coruña ten neste concello dúas estacións: Baamonde e Begonte.
Por estrada, está a quince minutos da capital lucense, e a pouco máis de media hora dos portos de A Coruña, Viveiro, Burela, e dos aeroportos de Alvedro (A Coruña) e Lavacolla (Santiago de Compostela). O goberno begontino, consciente de que estas especiais condicións teñen que traducirse en concentracións empresariais, ten afrontado unha decidida política de creación de solo industrial, con excelentes froitos en canto á instalación de empresas.
Begonte é, de xeito primordial, un concello agrícola e gandeiro, respectuoso co medio ambiente, que acolle con agarimo a quen chega… que presenta en todo tempo esplendorosas paisaxes, que no verán ofrece frondosas ribeiras e praias naturais (e dous magníficos clubes fluviais) nas súas correntes fluviais, e sempre a gastronomía do país en innumerables establecementos, tendo como especial referencia en todo tempo a Casa-Museo de Victor Corral, en Baamonde. Victor Corral, declarado Fillo Predilecto de Begonte, ten na súa Casa (deseñada e construída por el mesmo) un magnífico Museo co máis selecto da súa obra, e no xardín exterior esculturas en pedra ou madeira, con materiais recollidos por todo o mundo, conseguindo integrar en máxica unidade obra e museo, aberto a todos os públicos, recibindo cada ano milleiros de visitantes de todo o mundo, atendidos sempre polo creador desta obra xenial.
E, desde o primeiro sábado de decembro ata o último sábado de xaneiro, nun amplo Nadal de case dous meses, a capital do concello transfórmase e cobra un especial papel protagonista ao pasar a chamarse BEGONTE DO BELÉN.
Máis información: Concello de Begonte